O Catre Teatro trae este domingo á Casa da Cultura de Valdoviño a súa obra “Fatum”

Con entrada de balde, a función dará comezo ás 18:00 horas

Valdoviño, 11 de outubro do 2022. No marco da programación cultural do mes de outubro, a compañía pontesa O Catre Teatro trae a Valdoviño a súa obra «Fatum». Será este domingo 16 de outubro a partir das 18:00 horas no auditorio da Casa da Cultura. Con entrada de balde ata completar aforo, a función programada polo Concello inclúese na Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.

A obra, galardoada no certame de teatro amador Terras do Orcellón do Carballiño, achega ao público adulto a un debate histórico da humanidade: se a vida é un conxunto de accións fortuítas, casuais e ao azar ou se se rexe por un destino inmutable e escrito.

O Catre Teatro comenzou o seu camiño no ano 1996, como unha iniciativa da Asociación Cultural Alende de As Pontes. Nos seus comenzos foi dirixida por José Luis Prieto Roca, gañador de dous premios Max e varios María Casares na súa traxectoria, con quen realizaron as montaxes de creación propia, ou do propio JL Prieto: “Ora et labora”, “Como cambiou o conto”, “3”, “Espanto”, “Paxaros amarelos” ou “Sursum Corda”. Con Pepablo Patinho (Teatro dos Ghazafellos), descubriron o teatro de rúa e o circo, embarcándose no teatro infantil e representando “A cegoña” e o espectáculo infantil “Contos de pes”.

Na actualidade, e dirixidos por Agustín Bolaños, sumerxéronse no teatro de xesto e movemento, representando obras sen palabras pero cheas de emoción, poesía e música: “O medo meu” e “All you need is war” e “Fátum”.