O Concello abre a inscrición no Concilia de Semana Santa para os máis pequenos da casa

Un programa de lecer para favorecer a conciliación con múltiples obradoiros e actividades deportivas no pavillón municipal do Longoiro

Valdoviño, 29 de marzo de 2022. O Concello activará nas vacacións escolares o “Concilia Deportes en Semana Santa”. Un completo programa de lecer para os nenos e nenas de entre 5 e 12 anos pensado especialmente cun dobre obxectivo: facilitar ás familias a necesaria conciliación de traballo e coidado dos fillos e fillas e ofrecer actividades divertidas e didácticas para os máis pequenos da casa primando a práctica deportiva. 

Así, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicou que o programa celebrarase no pavillón municipal do Longoiro os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de 8,30 a 14 horas. A cuota é de 10 euros e as prazas son limitadas, con preferencia para aos/as empadroados/as en Valdoviño.

Entre outras actividades, haberá obradoiros de reciclaxe, manualidades, xogos tradicionais e moitos deportes. 

A inscrición abrirase mañá mércores, 30 de marzo, e manterase ata o día 6 de abril. Para formalizala é preciso enviar un whatsapp a 626 465 531 sinalando nome e apelidos do/a neno/a, data de nacemento, empadronamento e teléfono de contacto do/a responsable legal ou facelo presencialmente no departamento municipal de Deportes -primeira planta da casa consistorial, de luns a venres de 9 a 14 h-.