O Océano Surf Museo acolle este venres a presentación do Manifesto para a Protección das Ondas en 7 idiomas
O acto dará comezo ás 19 horas, con entrada libre
Valdoviño, 29 de marzo de 2022. O Océano Surf Museo acollerá este venres 1 de abril a presentación do Manifesto para a Protección das Ondas en 7 idiomas. No acto, aberto á veciñanza e moderado por Vicente Irisarri, fundador do Océano Surf Club, tomarán parte Juanjo González Trueba, de Surf&Nature Alliance; Jesús Busto, da editorial Libros del Océano; o presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Ángel Mato, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González. Dará comezo ás 19 horas e tamén contará coa participación de surfistas galegos afectados por obras marítimas.
Trátase dunha declaración universal sobre o valor e a necesidade de conservación das rompentes de surf como patrimonio natural e deportivo, socioecónomico e cultural. Unha mensaxe global dirixida a políticos, xestores e cidadanía en xeral, ademais do conxunto da comunidade surfeira mundial que busca ser a voz da alianza entre o surfing e a natureza.
Co ánimo de amplificar o seu alcance, o texto, publicado por primeira vez en 2012, vén de traducirse agora a 7 idiomas, grazas á implicación da Mancomunidade. Nesa línea, tamén se editou material divulgativo co manifesto de cara á súa distribución entre os centros educativos. Unha difusión que se prevé acompañar de charlas para concienciar dende a infancia da importancia de preservar as ondas.