O Concello aborda coa SEPES e a SEA o desenvolvemento do polígono das Boeiras
O noso municipio, xunto a Narón, dispón dunha área de chan incorporado ao Plan Sectorial de Áreas Industriais de Galicia duns 1.200.000 metros cadrados de superficie
Valdoviño, 16 de marzo de 2022. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, abordou co presidente de SEPES, Fidel Vázquez, o desenvolvemento do polígono industrial de As Boeiras para o emprazamento de novos proxectos empresariais ou a expansión de firmas consolidadas con necesidades de chan. Así o fixo na visita que realizou á empresa Horticina en Cerdido xunto ao presidente da entidade pública; a xerente de SEA, Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o seu homólogo de Cerdido, Benigno Galego.
O rexidor de Valdoviño lembrou que o noso municipio, xunto a Narón, dispón dunha área de chan incorporado ao Plan Sectorial de Áreas Industriais de Galicia duns 1.200.000 metros cadrados de superficie -95% propiedade do SEPES-. As Boeiras sitúase a escasos 500 metros da AG-64, limitando coa AC-566 e a AC-121, e por tanto, está practicamente conectado coas vías de alta capacidade, a AP-9, FEVE ou infraestruturas como o propio porto exterior de Ferrol. Unha posición e unhas posibilidades que, co apoio do SEPES, permitirían a Valdoviño captar proxectos empresariais que incidan directamente no seu desenvolvemento económico, xerando emprego e captando nova poboación.
Así mesmo, Alberto González apuntou que o Concello acompañará e facilitará o traballo necesario para concretar o desenvolvemento das Boeiras no marco das súas competencias. Nesa liña, completouse a redacción do proxecto de saneamento na zona (que contempla tamén toda a zona da Carreira), e estase elaborando a memoria e valoración para a dotación das redes de abastecemento, nunha zona que conta con fibra óptica e reforzo da rede eléctrica.