Os nenos e nenas da Aula da Natureza contribúen á conservación e promoción da raza da Galiña de Mos
Conta atrás para que nazan os pitiños na incubadora que acolle o centro
Valdoviño, 17 de marzo de 2022. Os pequerrechos e pequerrechas da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia volven a sumarse un ano máis ao proxecto de visibilización, conservación e promoción da raza da Galiña de Mos que promove a Asociación Avimós. Esta mañá, o veterinario da entidade, Diego, regresaba ao centro para axudalos a colocar na incubadora os ovos dos que sairán os futuros pitiños. Tamén, botarlle auga e graduar a temperatura e humidade. Agora toca esperar os 21 días de rigor.
A actividade inclúese na filosofía do centro de potenciar as actividades vinculadas á contorna natural. Un xeito diferente de aprendizaxe en plena natureza. Neste caso, favorecendo a conservación da galiña de Mos, unha raza galega das máis antigas da Península Ibérica que, nas últimas décadas, estivo ao borde da extinción.
O centro poñía en marcha o proxecto en 2018, e nin no confinamento o abandoaron. Iso si, ese ano tivéronse que conformar realizando a actividade a través de vídeos e sen poder poñer en práctica o aprendido nin levar para a casa os pitiños cando nacen.