Valdoviño inaugura “Nosoutras somos arte”

A nova exposición recolle os traballos nas aulas do alumnado do CPI Atios e Aula da Natureza e pode visitarse na Casa da Cultura

Valdoviño, 16 de marzo de 2022. No marco dos actos do Día da Muller, o Concello de Valdoviño abría onte ao público a exposición «Nosoutras somos arte». A mostra recolle o traballo nas aulas ao redor da igualdade realizado polos máis pequenos e pequenas da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia e polo alumnado dos diferentes ciclos do CPI Atios, e compleméntase cunha proxección audiovisual protagonizada por mulleres de Valdoviño de todas as idades que miran ao pasado, repasan as conquistas realizadas, botan unha ollada ao futuro e falan doutras mulleres que admiran. Pode visitarse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura, ata o 31 de marzo, en horario de luns a venres de 12 a 14 h e de luns a sábado de 17 a 19 h. 

No espazo central da mostra poderemos ver unha instalación, baixo o nome As mulleres da nosa vida, realizada polos escolares, pero inacabada, coa que queren convidar ao público a sumarse. Para isto, debemos coller papel e lápiz e escribir o nome da muller máis importante para nós, así como os valores que destacan nela. Un escrito que deberemos entón colgar na instalación cun dos fíos lilas que temos á nosa disposición. 

Ao redor desta infraestrutura despléganse diferentes traballos que rescatan, visibilizan e poñen en valor o papel da muller ao longo da historia en todos os ámbitos, nomeadamente o científico, o político ou o literario. Unha homenaxe na que teñen especial protagonismo as mulleres galegas. 

Obras literarias sobre igualdade e o traballo audiovisual coa voz de mulleres de Valdoviño completan esta mostra xa a disposición do público.