O auditorio da Casa da Cultura acolle este venres a representación da peza teatral “Soños”

A través das historias persoais de tres menores en situación de tutela, a obra achégase ás súas realidades

Valdoviño, 26 de xuño do 2023. Coa obra teatral «Soños», o Concello de Valdoviño pon este venres o broche de ouro á programación cultural do mes de xuño. Representarase a partir das 21:00 horas no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre e gratuíta. Trátase da primeira peza teatral que aborda a situación da mocidade tutelada de xeito integral, afondando na discriminación e exclusión social que sofren moitos menores que medran en vivendas tuteladas. Unha posta en escena realista, sen artificios nin teatralidade, cun estilo cru e directo para convertir a mensaxe en motor de toda a obra. O espectáculo traballa un ton serio, pero que non victimiza, e tira man do humor como elemento de nexo. 

«Soños» é unha coprodución da entidade sen ánimo de lucro Igaxes e as produtoras Artefeito e Culturactiva. Escrita por Fernando Epelde e dirixida por Tamara Canosa, está protagonizada por Sara Ferro, Anxo Outumuro e Vicky Pérez. A través das historias persoais de tres mozos e mozas en situación de tutela, a obra achégase ás súas realidades, atravesadas sempre por temáticas como a xenofobia, a diversidade sexual, a igualdade de xénero, a integración sociolaboral, etc. Por outra banda, o respecto á cultura, tanto galega como estranxeira, é unha das temáticas chave que tamén se aborda na obra.