O Concello de Valdoviño contratará 11 peóns para a limpeza de praias

A Administración local abre o prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso de selección

Valdoviño, 27 de xuño do 2023. O Concello de Valdoviño abre mañá mércores o prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso de selección dos 11 peóns que contratará para a limpeza de praias durante o periodo estival. O alcalde, Alberto González, informaba esta mañá da publicación no Boletín Oficial da Provincia da convocatoria e bases específicas, trámite que marca o inicio do proceso. O prazo será de 3 días hábiles contados a partir deste 28 de xuño.

A solicitude, que pode descargarse da web e BOP, deberá presentarse no rexistro da casa consistorial ou a través da sede electrónica. O contrato laboral temporal será a tempo parcial.

O Concello de Valdoviño contará de novo coa colaboración económica da Deputación para financiar as contratacións de persoal, xa que a Deputación informaba da concesión dunha axuda cercana aos 30.000 euros que permitirá cubrir o 100% dos custes, dando así luz verde á petición da subvención presentada pola Administración local.

Bases e convocatoria: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/06/27/2023_0000004999.pdf