O alumnado da ESO do CPI Atios participa no programa de prevención da violencia sexual #AgresiónOFF

Na acción, incluída no programa municipal “Somos e contamos”,  tomaron parte unhas 180 rapazas e rapaces

No marco de «Somos e contamos», o plan municipal de igualdade e prevención da violencia machista, alumnas e alumnos de Educación Secundaria do CPI Atios trasladáronse esta mañá en grupos reducidos ata a Casa da Cultura para participar na actividade #AgresiónOFF. Eu digo non á violencia sexual. Unha iniciativa que impulsa a Secretaría Xeral de Igualdade sobre os estereotipos de xénero, as relacións socioafectivas ou as múltiples manifestacións da violencia machista.

Así, a través de dinámicas participativas, o alumnado aproximouse ao papel silenciado da muller na historia, nunha actividade de realidade virtual na que coñeceron a súa participación no mundo das ciencias, a cultura, a política… Outra das actividades foi a ruleta sobre os mitos do amor romántico, na que tiveron que ir contestando sobre a veracidade ou non das afirmacións realizadas e argumentar as respostas. 

Finalmente, rapazas e rapaces recibiron diverso material como mochilas, chapas, gorras e publicacións. 

Seguindo as medidas de prevención fronte á covid-19, na acción participaron uns 180 alumnos e alumnas en 14 grupos, e que tamén lles permitiu, aproveitando a visita á Casa da Cultura, coñecer a nova exposición da sala temporal: os traballos de Galicia en Foco.

 

 

.