A arte de Blanca Escrigas invade os límites do CPI Atios de Valdoviño

O Concello encarga á artista local unha obra que xa loce no muro que delimita o centro educativo e que foi creando nas últimas semanas

A artista local Blanca Escrigas asina o mural que dá a benvida ao CPI Atios de Valdoviño. Unha obra de arte que leva o seu selo persoal e inequívoco, unha auténtica explosión de cores e trazos firmes e definidos detrás dos que se agochan valores como a diversidade, a tolerancia, o respeto, o compañeirismo, a cultura e o arte. E, sempre, coa referencia do territorio, Valdoviño. Así aparece o faro de Meirás, a percelleira, o mar… O Concello encargaba á artista a obra que hoxe luce no muro que circunda o centro educativo. Unha obra que se suma á realizada no verán na Oficina Municipal de Turismo. 

Dende primeiros de mes, e moi condicionada pola climatoloxía, Blanca Escrigas iniciaba o proceso creativo. Unha obra cuxa evolución podía seguir día a día a comunidade educativa. 

Hoxe é xa de todos e de todas. Blanca sinala que detrás dela está a escola que, como o Faro de Punta Frouxeira, serve de guía cara un futuro no que o principal é ser felices, ter fame de saber e sobre todo de construír un mundo mellor a partir do noso propio. Todo comeza aquí para chegar a onde ti decidas, Blanca dixit.

 

 

.