Escolares do CPI Atios exploran o patrimonio litoral de Ares

Dende as orixes do remo ó traballo dos redeiros no porto, os nenos e nenas visitan a localidade para entender os vínculos coa cultura mariñeira a través do proxecto de cooperación “Ares e Valdoviño no Mar”

Valdoviño, 20 de abril de 2022. Esta mesma mañá arrancou unha das principais actividades de “Ares e Valdoviño no Mar”, un proxecto de cooperación promovido polos dous concellos e que pon en relación o remo, o surf e a importancia da cultura e identidades mariñeiras de ambos espazos. Así, o mes de abril rematará con dúas visitas de nenos e nenas de 5º e 6º de primaria do CPI Atios de Valdoviño a Ares, unha delas realizada hoxe mesmo, 20 de abril, e outra a próxima semana, o mércores, 27, para achegarse a puntos clave da vila. 

No itinerario planificado para as crianzas, a primeira parada realizouse na casa consistorial, coa recepción das concelleiras Noelia Montero, Lucía Blanco e Olimpia Marcos, para que o grupo coñecera directamente o funcionamento dun concello e os diferentes espazos que o integran. Gran parte da atención púxose precisamente na importancia do salón de plenos como o espazo no que debater, executar as propostas e desenvolver a actividade institucional. 

A visita tamén transcurriu polo Club de Remo de Ares para contrastar o impacto do remo e do surf nas identidades dos dous municipios. Jose Montero, ‘Peli’, guiou ao grupo pola historia do remo, unha competición que nace do traballo e da pesca en barco, e os nenos e nenas puideron aumentar o coñecemento sobre o papel do club e desta práctica deportiva na comunidade aresá. 

En realidade, todas as paradas desta primeira actividade fixeron fincapé nos vencellos culturais de Ares co mar; terminou afondándose nas tarefas dos redeiros e redeiras no porto e nas formas de operar que teñen os armadores.

En maio, será a comunidade educativa do CPI As Mirandas, a través da rapazada da ESO, a que se aproximará ó surf e á idiosincrasia marítima de Valdoviño, fomentando desta maneira os lazos entre ambos espazos que, malia as distincións culturais e sociais, conservan un importante patrimonio litoral e marítimo. O mar, neste caso, asúmese coma un elemento de conexión das súas realidades. 

QUINCE ACTIVIDADES ENTRE VALDOVIÑO E ARES

Estas visitas planificadas para abril e maio entre escolares de ambos centros públicos compleméntase con outras propostas a desenvolver dentro do proxecto de cooperación, ascendendo a un total de 15 iniciativas. Haberá dende xornadas de iniciación ao remo en Ares e ao surf en Valdoviño ata creación de contidos didácticos, obradoiros de sensibilización ou rutas polo litoral. 

Este conxunto de programacións de valorización da cultura mariñeira e transmisión dos deportes acuáticos vén financiada polos fondos FEMP, a través das axudas do GALP A Mariña-Ortegal e do GALP Golfo Ártabro Norte.