O Concello abre o prazo de solicitude para a concesión de permisos para a actividade das escolas de surf
O procedemento tamén inclúe a instalación temporal de quioscos en zonas de dominio público marítimo-terrestre nas praias do municipio
Valdoviño, 20 de abril de 2022. O Concello de Valdoviño abre hoxe o prazo de solicitude para a concesión de permisos para a actividade das escolas de surf e a instalación temporal de quioscos en zonas de dominio público marítimo-terrestre nas praias do municipio para os anos 2022, 2023, 2024 e 2025. O Diario Oficial de Galicia publicaba onte o anuncio co acordo aprobado en pleno, iniciando así o procedemento. As bases íntegras están a consulta tamén no taboleiro de anuncios da casa consistorial e páxina web. Segundo explicou o alcalde, Alberto González, a principal novidade desta convocatoria é a ampliación do periodo de vixencia dos permisos, anteriormente anuais e, a partir deste exercicio, por 4 anos. Deste xeito, o Concello fai súa a demanda das escolas de surf, que tiñan solicitado adoptar esta medida.
Ademais, a concesión limítase a un número máximo de 16 autorizacións no termo municipal, excepto para a praia de Campelo -que se reserva para a práctica do surf libre-, e para o areal de Pantín, cun máximo de 8 autorizacións para el.
Durante o pasado ano, un total de 12 escolas de surf, paddle surf, bodyboard e longboard foron autorizadas para desenvolver a súa actividade formativa nos areais de Valdoviño, das que 8 puideron operar en todas as praias e outras 4 en todas agás Pantín. Uns negocios que xeraron máis de 50 empleos directos e unha adxudicación de espazos axustada á ordenanza reguladora do uso de praias coa que o Concello buscaba garantir unha ocupación racional e sostible.
Entre os criterios de valoración que establece a normativa está a calidade do servizo, a promoción do deporte, a disposición de instalacións de xeito permanente ou experiencia ininterrompida por espazo mínimo de 3 anos, ou a vinculación co municipio, entendida como a súa experiencia previa na impartición de accións formativas en anos precedentes, contribuíndo así á dimensión actual do surf en Valdoviño.
En relación aos quioscos, ábrese solicitude naqueles espazos nos que a día de hoxe non hai servizos hostaleiros (Mourillá, Outeiro e O Rodo), e o prazo de autorización tamén será de 4 anos, entre o 1 de maio e o 31 de outubro de cada tempada -a autorización tamén se poderá ampliar por un periodo de 11 días con ocasión da Semana Santa-.
BASES PERMISOS ESCOLAS: https://cutt.ly/eF89Ujz
BASES PERMISOS QUIOSCOS: https://cutt.ly/QF88b2q