Concello de Valdoviño e Asociación Española contra o Cancro retomarán en outubro as Rutas Saudables polo municipio

A inscrición neste programa gratuíto, co que se busca promover hábitos saudables e combater o sedentarismo, está aberta a través do teléfono 981 37 00 03 e o correo ferrol@contraelcancer.es

 Valdoviño, 26 de setembro do 2023. O Concello de Valdoviño e a Asociación Española contra o Cancro volven a unirse para poñer en marcha unha nova edición do programa de Rutas Saudables no municipio. Con el, buscan combater o sedentarismo a través da promoción dunha vida activa, construíndo un espazo de encontro que facilite as relacións persoais, aumentando así a motivación necesaria para impulsar a práctica de exercicio físico. 

Aberto á poboación en xeral, nenos/as e adultos/as, os percorridos arrancarán o domingo 29 de outubro, e terán unha periodicidade quincenal. Pola dinámica da acción, as prazas son limitadas, e a inscrición está aberta no tlf. 981 37 00 03 e o correo ferrol@contraelcancer.es. Hai que sinalar nome e apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto. Na primeira xornada, as persoas participantes deberán cumplimentar o test RAPA (Rapid Assesment of Physical Activity), xa que se realizará un seguemento e avaliación da evolución do seu estado físico. 

Esa primeira ruta celebrarase na Frouxeira, contorna onde o Concello sinalizaba o percorrido co que, hai 2 anos, se inauguraba o programa. A través de balizas respectuosas co medio, facilítase información á cidadanía en códigos QR, co que calquera persoa pode sumarse á iniciativa fóra dos itinerarios guiados. 

A AECC lembra que en España o 44,4% da poboación de 15 ou máis anos non realiza exercicio, ocupando o seu tempo de lecer de forma sedentaria. Trátase dun dos 4 factores de risco máis importantes para a saúde: responsable do 6% das mortes en todo o mundo e potenciador activo para cancros como o de colon e de mama e doutras doenzas como a diabetes e a cardiopatía isquémica. 

Con proxectos como as Rutas Saudables xenérase un espazo de actividade física periódico que facilita a adquisición do hábito de realizar exercicio. Ademais, preséntase como un espazo de encontro con outras persoas, aumentando o compromiso coa actividade e favorecendo as relacións persoais. Por último, constitúe unha oportunidade única para coñecer mellor, e desfrutar, o territorio.