Monte Campelo converterase nun laboratorio de ideas para os arquitectos do futuro
Os estudantes de 2º da Escola Técnica Superior de Arquitectura toman as antigas infraestruturas militares de Valdoviño como referencia para a elaboración dos seus proxectos académicos durante este ano
Valdoviño, 25 de setembro do 2023. Valdoviño, e máis concretamente as baterías de Monte Campelo, converteranse no laboratorio de ideas para os proxectos que deseñen ao longo do curso os alumnos e alumnas de 2º curso da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. O equipo docente elixía o noso municipio como escenario real da asignatura de Análise da Arquitectura, e os 140 estudantes que a cursan achegábanse esta mañá a Valdoviño para participar nunha clase maxistral a cargo de Manuel González Gutiérrez, presidente de Valdoviño Azul, gran coñecedor das antigas infraestruturas militares da zona e autor do libro «Monte Campelo e Punta Frouxeira. Importancia militar e aproveitamento mineiro». Unha charla organizada polo Concello no auditorio municipal, na que tamén participaba o alcalde, Alberto González.
O rexedor agradecía a iniciativa da universidade, xa que supón unha excelente oportunidade para dar a coñecer o municipio entre os máis novos e novas, un descubrimento para a maioría deles, segundo admitiron. Así mesmo, e tirando da súa profesión de arqueólogo, Alberto González daba unhas pinceladas sobre a evolución histórica do territorio centrándose na zona de Monte Campelo, e poñía en valor a relevancia deste no marco do Xeoparque Cabo Ortegal.
Trala conferencia, os estudantes trasladábanse en dous autocares ata Meirás, para iniciar o percorrido polas baterías e coñecer in situ o territorio. A partir de aí, traballarán nas aulas por equipos e de forma individualizada planteando proxectos para a zona dos que xa se comezou a falar hoxe. Entre eles, observatorios, áreas de esparcemento, refuxios ou mesmo un centro de interpretación.