Cita co mago Cayetano Lledó e o seu show especial Nadal este sábado en Valdoviño

O espectáculo, que contará tamén coa visita do Apalpador, arrancará ás 18:00 horas no auditorio da casa da cultura

Valdoviño, 20 de decembro de 2023. Cayetano Lledó, un dos mellores magos da escena actual, visitará este sábado Valdoviño convidado polo Concello para ofrecer a pequenos/as e maiores o seu show especial Nadal. A cita terá lugar no auditorio da casa da cultura, a partir das 18:00 horas, con entrada de balde e ata completar aforo. A mistura de estilos teatrais fusionados con elementos de circo e vodevil son característicos do estilo de Lledó. Nos seus espectáculos recurre a elementos de maxia, comedia, teatro de improvisación, mimo, hipnose e fakirismo, danza e linguaxe corporal, cambios de vestiario, manipulación de cartas e obxectos… un mago que toca todos os paus artísticos para ofrecer actuacións redondas e sorprendentes. 

Así mesmo, no transcurso do acto, o público tamén recibirá unha visita moi especial, a do Apalpador, tal e como manda a tradición nestas datas.