O Concello dá a coñecer as creacións gañadoras do III Concurso de Decoración de Nadal

Floristería Luz trunfa na categoría de exterior e interior de negocio, e Despeluxada peluquería na de escaparate, namentras que o xardín e a porta de María Victoria Hermida e a fachada de Irene Casal Castro vencen na modalidade veciñal

Valdoviño, 21 de decembro de 2023. A III edición do Concurso de Decoración de Nadal de Valdoviño xa ten gañadores. Na modalidade de tecido empresarial, Floristería Luz fai doblete e álzase co premio nas categorías exterior e interior de local, namentras que Despeluxada Peluquería reedita o trunfo do pasado ano na categoría de escaparate. Na modalidade veciñal, María Victoria Hermida Fernández consegue as distincións na categoría balcón, porta ou fiestra e tamén xardíns, e Irene Casal Castro faise co galardón na de fachada ou peche exterior.

O xurado realizaba onte á tarde o percorrido polas decoracións presentadas a concurso. Estivo integrado por Mercedes Varela, en representación do mundo veciñal; Dolores Serantes, como experta en escaparatismo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Rosana García, en nome do Concello. As súas valoracións individuais foron practicamente coincidentes, e a estas, sumáronse os 5 puntos por categoría resultantes das votacións veciñais en redes. Neste caso, a proposta de Floristería Luz en interior e exterior foi a mellor valorada en Facebook e Instagram. En escaparates, Confitería Campeiras recibiu máis votos en Facebook e Lavandería Valdoviño, en Instagram. Ademais, a decoración de Yago Villarnovo en San Mamede foi a mellor valorada en xardíns no Instagram e a da AVV en Porto do Cabo no Facebook. En balcóns, portas e fiestras colleitou máis votos no Facebook a proposta da AVV en Porto do Cabo (en Instagram ningunha candidatura alcanzou o mínimo de 50 votos), e na categoría de fachada, a de Irene Casal no lugar da Costa foi a máis votada en Instagram e a de Porto do Cabo en Facebook.

Os premios, consistentes en cheques agasallo por valor de 100 euros cada un canxeables nos negocios locais, entregaranse mañá venres no auditorio da Casa da Cultura, no transcurso do acto de presentación do calendario municipal para 2024 que arrancará ás 20:00 horas.