As participantes no curso de monitora de tempo libre completan en Pantín a fase teórica da acción
O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura, Rosana García, entregaron ás 11 mulleres participantes os diplomas da formación que impulsa Tempus no marco do programa “Mulleres Tecendo Redes”
Valdoviño, 11 de abril de 2024. O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura e Turismo, Rosana García, acudían onte pola mañá ao local social de Pantín para facer entrega dos diplomas ás mulleres participantes no curso de monitora de tempo libre organizado por Tempus coa colaboración do Concello e o apoio económico da Secretaría Xeral de Igualdade. Unha certificación que acredita que superaron con éxito as 200 horas presenciais de formación, realizadas en Valdoviño. A acción formativa, incluída no programa «Mulleres Tecendo Redes», continuará cunha segunda fase online e unha terceira xa de carácter práctico.
Trátase dun curso que capacita ás persoas participantes para traballar en calquera campamento, ludoteca, actividades extraescolares, dinamización comunitaria, asociacións, ou calquera actividade de lecer educativo promovida por entidades tanto públicas como privadas en calquera parte do territorio nacional.