O ciclo de teatro “Ven o Venres” continúa en abril coa obra cómica “Running” de Ste Xeito

A función celebrarase este venres no auditorio, ás 20:30 horas

Valdoviño, 9 de abril de 2024. O ciclo de teatro «Ven o Venres» continúa este mes coa comedia «Running», da compañía Ste Xeito Producións. Trátase dun auténtico espectáculo interpretativo por parte dos seus protagonistas, Sergio Macías e Stephy Llaryora que, baixo a dirección de Esther F. Carrodeguas, darán vida sobre o escenario a nada máis e nada menos que 20 personaxes diferentes. Unha vertixinosa peza cómica con mensaxe, parodia da axetreada vida actual, cargada de eternas présas, maratón de teléfonos móbiles, obrigas familiares, persoais e laborais… que pretende reflexionar sobre a cabida que pode ter nesta acelerada dinámica “sempre Running” o amor, e en última instancia, a relación cun mesmo.

A función terá lugar este venres 12 de abril no auditorio da casa da cultura, a partir das 20:30 horas. Como é habitual, a entrada é de balde e libre ata completar aforo.

«Running» dá continuidade ao ciclo «Ven o Venres» deseñado pola Concellería de Cultura, e que se inauguraba o pasado mes coa peza «As Alumnas», baseada na obra da escritora Paula Carballeira. A programación continuará ao longo dos vindeiros meses con novas propostas que se irán avanzando ao longo das sucesivas semanas.