Recepción institucional e firma no libro de ouro de Valdoviño das campioas do mundo de danza Ana Alonso, Nerea Penabad e Lidia Vellón

A corporación felicita ás deportistas, auténticas referentes para os nenos e nenas do municipio, e pon en valor o apoio das súas familias

Valdoviño, 11 de abril de 2024. Tras facer historia hai uns días en Cambrils, converténdose nas primeiras campioas do Mundo de Danza Coreográfica cos seus respectivos grupos, as nosas veciñas Ana Alonso, Nerea Penabad e Lidia Vellón recibían onte á tarde o recoñecemento da corporación municipal do seu municipio natal no transcurso dunha recepción institucional. Moi emocionadas, e aínda asumindo unha victoria de trascendencia internacional, acudían acompañadas das súas familias para participar no acto, presidido polo alcalde, Alberto González, e que contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, e dos edís de dos grupos municipais de PSOE, PP e BNG.

O rexedor trasladáballes os parabéns de todo o concello, e aseguraba que eran un auténtico referente para todos os nenos e nenas da localidade, que teñen nelas un exemplo de que a base de esforzo, perseverancia e traballo en equipo poden conseguir os seus soños. Tamén poñía en valor o apoio e papel das familias, fundamental para facilitar ese camiño, en moitos casos non exento de sacrificios.

De seguido, Ana Alonso -campioa na categoría absoluta como integrante das Narón Kids- e Nerea Penabad e Lidia Vellón -na categoría youth e integrantes de Revolution UPA- asinaban no Libro de Ouro de Valdoviño.

Por último, alcalde e edil de Deportes entregábanlles cadansúa placa conmemorativa, en recordo desta recepción a modo de homenaxe, e xunto a toda a corporación e familiares pechaban a recepción coa tradicional fotografía de familia.