As mariscadoras continúan cos traballos de retirada do lixo mariño no marco do proxecto de recuperación dos bancos marisqueiros

No día de onte actuaron na zona de Pantín, coa retirada de máis de 1,6 toneladas de residuos, na súa maioría restos de madeira

As mariscadoras a pé continúan esta semana cos traballos de retirada do lixo mariño no marco do proxecto de recuperación dos bancos marisqueiros de Cedeira e Valdoviño. No día de onte, actuaron na zona do Funil, en Pantín, nunha xornada que concluíu coa extracción de máis de 1.600 quilogramos de residuos. Deles, a meirande parte foron restos de madeira (ata 1.500 kgs), así como plásticos, textil, metais ou goma. Uns traballos que continuarán con saídas este mércores e xoves á zona de Vilarrube.

O obxectivo principal é a retirada do lixo mariño, tanto o de procedencia do sector  pesqueiro como vellas artes de pesca e embarcacións, como o de orixe cidadá. Así mesmo, as mariscadoras tamén cuantifican e clasifican o lixo por tipoloxía, e unha vez pesado, é trasladado polo Concello de Valdoviño para a súa xestión.

O proxecto no que colabora o Concello está liderado pola Confraría de Pescadores de Cedeira e as Mariscadoras a Pé, e conta co respaldo da Consellería do Mar, e financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).