O alcalde de Valdoviño anima ao PP de Cedeira a respectar a autonomía local e plantear medidas con máis rigor
Explica que a Consellería de Infraestruturas non ten competencias para “ordear” a Valdoviño que modifique a velocidade nunha vía municipal
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, explicou esta mañá que establecendo a limitación a 30 no vial que discorre entre a casa consistorial e a estrada de acceso ao CPI Atios o Concello de Valdoviño unicamente está a cumprir a normativa estatal coa que se pretende rebaixar a siniestralidade e mellorar a seguridade vial.
Neste sentido, o rexidor pídelle ao PP de Cedeira que respecte a autonomía local e dote de rigor as súas propostas, xa que a Consellería de Infraestruturas non ten competencias para «ordear» ao Concello de Valdoviño a modificación da velocidade nun vial de titularidade municipal en zona urbana. Un vial polo que o PP de Cedeira quere que se vaia a maior velocidade, e que a día de hoxe serve de conexión co centro de saúde, coa casa da cultura, co centro sociocomunitario, cos viais de baixada á praia da Frouxeira, ou co colexio. Precisamente, o entronque da vía co CPI é un punto conflictivo dende o punto de vista da mobilidade, así trasladado polo Concello de Valdoviño á Xunta, de modo que colabore na redacción do proxecto para modificar a intersección.
Así as cousas, esa modificación proposta polo PP de Cedeira permitiría reducir o tempo da viaxe a Ferrol en menos dun minuto a costa de elevar a velocidade na zona urbana de Valdoviño. Por isto, o alcalde anima aos populares de Cedeira a plantear medidas máis efectivas para lograr ese obxectivo, como pedir á Consellería de Infraestruturas, neste caso si con competencias, que axilice as obras de mellora da estrada AC566 -entre Cedeira e Valdoviño, ou retome o proxecto da variante de Valdoviño como estaba planteada no estudo de 2008.