Amplíase ata o 30 de novembro o prazo para solicitar a participación no programa “Xuntos polo Nadal”

Servizos Sociais axuda na tramitación das peticións

Valdoviño, 16 de novembro de 2021. A Concellería de Servizos Sociais de Valdoviño informa de que a Xunta vén de anunciar a ampliación, ata o 30 de novembro (incluído), do prazo para a presentación de solicitudes para participar no programa «Xuntos polo Nadal». Un programa dirixido ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias. Ademais, aquelas interesadas en sumarse poden solicitar cita previa en Servizos Sociais (981 48 70 41 extensión 5), e dende o departamento axudaranlles na tramitación da petición. 

O programa oferta estancias nesas datas na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán, que acompaña dunha completa oferta de actividades socioculturais. Hai 2 quendas: a primeira, do 22 ao 29 de decembro, e a segunda, do 31 de decembro ao 7 de xaneiro. A participación é gratuíta, e inclúe o aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa, desprazamento en autocar dende Ferrol, e as citadas actividades de animación sociocultural. 

As persoas beneficiarias deberán ter cumpridos os 60 anos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes, estar empadroadas nalgún concello galego, vivir sos no seu domicilio e ter que pasar as datas de Nadal sos, valerse por si mesmos e non padecer enfermidades transmisibles con risco de contaxio, entre outras, e estar vacinados fronte á covid-19 segundo o calendario sanitario vixente.