Valdoviño activa a programación “Somos e Contamos” para conmemorar o 25N
Proxeccións, faladoiros, teatro e exposicións serán algunhas das actividades organizadas polo Concello
Valdoviño, 16 de novembro de 2021. No marco do programa municipal «Somos e Contamos», o Concello de Valdoviño presentou esta mañá as actividades coa que conmemorará o Día Mundial para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Programación que inclúe proxeccións, exposicións, teatro e accións de sensibilización e visibilización, e que contan co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Así, máis polo miúdo, este venres 19 de novembro e ata finais de mes, colocarase unha pancarta conmemorativa e iluminarase a casa consistorial de cor lila. Nesa mesma xornada, ás 20,30 horas e dirixida ao público en xeral, a Casa da Cultura acollerá a proxección do documental “A poeta analfabeta”, baseada na poeta e activista Luz Fandiño.
A programación continuará a partir de aí nas aulas dos centros educativos. Así, ata finais de mes e tamén en decembro, o CPI Atios acollerá os espazos Ser e Contar, dirixidos ao alumnado de Secundaria e baixo o título “Desmitificando o amor romántico”, no que se abordará a construción social do xénero e as relacións, e “Corpo e afectos” sobre educación afectivo sexual.
O 24 de novembro, o alumnado do CPI Atios e do CRA O Esquío están convidados ao espectáculo “Soñando inventei” que interpretarán María e Jorge na Casa da Cultura. Unha actuación musical sobre a diversidades e igualdade de xénero. Ao día seguinte, Día Mundial para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello levará ao CPI Atios as Curtas para Ser e Contar, dirixidas a alumnos e alumnas de 4º da ESO. Traballos visuais sobre diversidade, sexualidade e xénero e debate en torno a estes. E, ao longo da xornada, colocaranse vinilos con frases sensibilizadoras en diferentes espazos públicos, como traballo resultante do alumnado nos faladoiros para Ser e Contar.
Tamén o 25 de novembro, e no marco da campaña De Fronte á Violencia de Xénero da Deputación, o Concello levará ás escolas unitarias do CRA O Esquío e ao CPI Atios o espectáculo musical virtual “Martiña Soñadora”, no que con ritmos brasileiros, blues ou rock&roll se abordarán relacións afectivas sas, de igualdade ou a importancia de rachar estereotipos sexistas.
Pechando a programación, a Casa da Cultura acollerá a actuación de Rilo&Penadique “Arrolando as frores”. Será o 28 de novembro ás 18 horas, co público adolescente e adulto como destinatario. Unha función de narración oral e música onde se abordarán temas como o aborto, se revisarán os contos colorados, poñeremos en valor ás mulleres das nosas vidas e se repartirán chapas deseñadas pola nosa veciña Elisa Rojas. Finalmente, procederase á lectura do manifesto institucional que previamente se presentará en pleno.
E dende xa e ata finais de mes, a Casa da Cultura acolle a exposición “Spray, Festa monstruosa”, integrada polos traballos das nenas e nenos de Educación Infantil do CPI Atios inspirados na artista Olga de Dios.