Deputación e Concello recepcionan as obras de mellora de viais en Meirás e a creación do aparcadoiro e do campo de fútbol

Visita de fin de obra ás instalacións

Valdoviño, 15 de novembro de 2021. O vicepresidente e deputado de Turismo e Plans, Xosé Regueira, xunto co alcalde de Valdoviño, Alberto González, visitou esta mañá as obras que a Deputación da Coruña financiou na parroquia de Meirás e que consistiron nunha mellora de viais de acceso ás praias e a creación dun novo equipamento deportivo, en cuxos arredores se crearon novas prazas de aparcadoiro.

Esta actuación, que contou cun orzamento de arredor de 320.000 euros, foi deseñada atendendo ao obxectivo principal de reordenar o tráfico para garantir a preservación do patriomonio natural de toda a área, evitando a presión de vehículos na zona dunar e nas inmediacións do faro de Punta Frouxeira, así como no ámbito do proxecto das baterías de costa. Neste sentido, Xosé Regueira indicou que “ademais de servir para que mellore a práctica do deporte en Valdoviño, esta obra acada o obxectivo fundamental de protexer o medio natural desta zona que é un dos seus recursos xeoturísticos máis potentes”.

Na visita ao remate das obras, ademais do vicepresidente da Deputación e do alcalde de Valdoviño, tamén participaron o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, e membros da directiva do Club de Fútbol de Meirás, entre os que se contaban o presidente, Juan Carlos Aneiros, o secretario, Enrique Teijeiro, e o vogal Manuel Luaces. O rexedor, Alberto González asegurou que “facía falta comezar a ordenar este espazo natural dunha forma coherente e útil para dar servizo ás innumerables pequenas praias”, ao tempo que indicou que “a creación deste aparcadoiro vai redundar na conservación deste espazo natural protexido, na accesibildiade ás praias e tamén na calidade dun espazo cultural e turístico”.

Convén lembrar que o proxecto urbanístico e de construción do novo equipamento deportivo contou cun orzamento próximo aos 320.000 euros dos que un 80% proveñen de fondos da Deputación da Coruña e supón unha remodelación de especial relevancia para a contorna da parroquia de Meirás. Até a actualidade, a grande afluencia de visitantes, en especial o tránsito cara as praias na época de verán, provocaba colapso de vehículos e a dificultade de acceso ao litoral que linda co campo de fútbol de Meirás.

Con este proxecto, ordénase e mellórase a accesibilidade dos espazos naturais coa creación de novas prazas de aparcamento e a mellora dos camiños municipais existentes na contorna, o que tamén conseguirá impedir a invasión do dominio público marítimo terrestre por parte de vehículos, organizando o tránsito peonil nos arredores.

O proxecto, con especial atención polo valor natural e paisaxístico da zona, incorpora criterios de sostibilidade ambiental, con deseños integrados na contorna e materiais brandos e reciclables.

A actuación, que inclúe a construción de beirarrúas perimetrais de dimensións acaídas para o tránsito de peóns e persoas con mobilidade reducida, delimita as zonas de aparcamento para a organización do tráfico rodado e acondiciona os camiños da zona, complétase coa creación dunha instalación multideportiva de céspede sintético.