A programación Somos e Contamos continúa coa exposición, talleres e proxección do traballo documental “Chicas Nuevas 24 horas”

A mostra sobre o documental da directora Mabel Lozano, no que se denuncia o negocio que xera a explotacións sexual de mulleres e nenas, poderá visitarse na Casa da Cultura a partir do próximo luns

Valdoviño, 15 de marzo de 2024. A programación «Somos e Contamos» deseñada polas Concellerías de Cultura e de Servizos Sociais para conmemorar o Día da Muller continuará ao longo da próxima semana ao redor do traballo documental «Chicas Nuevas 24 horas» da directora Mabel Lozano. Un traballo no que denuncia o negocio que xera a explotación sexual de mulleres e nenas. Así, a partir do luns, 18 de marzo, a exposición sobre o documental abrirase ao público na casa da cultura. Poderá visitarse ata o día 27, de luns a venres de 11 a 13 e de 17 a 19 h.

Ademais, o martes e o mércores o Concello convidará ao alumnado da ESO do CPI Atios a achegarse á mostra e participar en sesións de carácter social e didáctico para a prevención e concienciación sobre o negocio da prostitución. O venres 22 de marzo, ás 20:30 h, e pensando nun público maior de 14 anos, a casa da cultura acollerá a proxección do documental que inspirou a exposición. E o 27 de marzo, a partir das 19 horas, celebrarase o acto de clausura da mostra, co acompañamento musical do dúo local integrado por Lorena Hermida e Jorge Casas.

SOBRE O DOCUMENTAL

O documental, escrito, producido e dirixido por Mabel Lozano, aborda o negocio da compravenda de mulleres e nenas, e foi rodado en España, Arxentina, Colombia e Perú. Nominado como mellor longametraxe documental nos Premios Goya, recibiu diversos recoñecementos e foi proxectado, dende a súa estrea en 2016, en máis dun centenar de universidades de todo o mundo, así como en máis de 200 institutos de Secundaria en España, Colombia e Bolivia, e tamén en Paraguai, dobrado ao guaraní, xerando deste xeito reflexión e debate.

Chega a Valdoviño a través da Secretaría Xeral de Igualdade.