O Concello abre a presinscrición na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia

Trátase dun recurso municipal de conciliación gratuíto para as familias con fillos e fillas de 3 meses a 3 anos

Valdoviño, 14 de marzo de 2024. O Concello de Valdoviño abre este venres, 15 de marzo, e ata o día 30, o prazo de preinscrición na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. Deste xeito, as familias interesadas en solicitar este recurso de conciliación, gratuíto dende o pasado curso, poden realizar o trámite presencialmente, no rexistro municipal ou a través da sede electrónica. Os impresos poden recollerse no departamento municipal de Servizos Sociais ou descargarse da web municipal.

As instalacións, dirixidas a nenos e nenas de 3 meses a 3 anos, téñense convertido nunha ferramenta clave para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias de Valdoviño. Están ubicadas nunha contorna única como é a zona da praia e lagoa da Frouxeira, e contan no seu interior con dous espazos para o xogo, outro para o descanso, cuartos de baño e office. Complétase cunha zona exterior de xardín con elementos para o xogo, outra cuberta e unha pequena horta.

O seu funcionamento é de 8 a 16 horas de luns a venres, pechando no mes de agosto. Ademais da xornada completa hai opción de media xornada en horario de 9 a 13 horas (pode aumentarse con horas soltas). Proporcionaráselles almorzo e merenda, así como o xantar ás crianzas que participen da xornada completa, sendo as familias as encargadas de aportalo.

Calquer dúbida ou consulta pode realizarse a través do teléfono de Servizos Sociais: 981 48 70 41 extensión 5.