O Programa Integrado de Emprego arranca en Valdoviño coa participación de trece mulleres no primeiro dos obradoiros previstos

Impulsado pola Mancomunidade, conta co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade e do Ministerio de Traballo e Economía Social

Valdoviño, 15 de marzo de 2024. Trece mulleres iniciaban esta mañá en Valdoviño a primeira acción do Programa Integrado de Emprego que promove a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade e do Ministerio de Traballo e Economía Social. Facíano cun taller de Técnicas de Busca de Emprego, orientado a adquirir as ferramentas e estratexias necesarias para facilitar a súa entrada no mercado laboral. Ao longo de 20 horas, ata o 20 de marzo, recibirán formación sobre os sectores con maior demanda na contorna máis próxima ou as canles para a busca de ofertas laborais, centrándose especialmente nas redes sociais. Das 13 mulleres coas que arrancaba o programa, 8 son veciñas de Valdoviño, e o alcalde, Alberto González, achegábase esta mañá ata o centro sociocomunitario, sede da formación, para darlles a benvida e desexarlles que aproveiten ao máximo esta iniciativa, na que participarán cen mulleres, e que ten por obxectivo lograr a inserción laboral do 35% das beneficiarias.

O Programa Integrado de Emprego diríxese a mulleres en situación de desemprego empadroadas nos concellos de: Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Neda, Cabanas, Ares ou Mugardos. Ten unha duración de 12 meses, combinando accións individuais (orientación laboral, asesoramento, información, itinerarios personalizados de inserción…) con accións formativas, tanto específicas para o emprego como transversais. A formación específica para o emprego incluirá itinerarios de limpeza industrial, peixaría, comercio, cociña, agricultura ecolóxica e community management. A formación transversal estará composta por accións sobre competencias dixitais, técnicas de busca de emprego, idiomas, habelencias sociolaborais e obradoiros de entrevista de selección, entre outras. Ademais, de ser o caso, poderanse levar a cabo outras actividades e/ou accións formativas, en función dos intereses e necesidades detectadas.

O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral, establecendo contacto coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado e as posibles ofertas de emprego para facilitar a información e inserción laboral das usuarias.

O programa contará, ademais, con medidas de apoio á conciliación familiar, persoal e laboral, para facilitar a participación de todas aquelas usuarias que teñen persoas maiores ou menores a cargo.

Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen a súa cualificación, melloren o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral e adquiran formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.