A Porta do Sol de Valdoviño volverá converterse esta semana en autocinema

O Concello programa este venres e sábado dúas sesións de cine galego

Valdoviño, 23 de agosto.O Concello de Valdoviño aposta un verán máis polo autocinema. A programación cultural de agosto incluirá esta semana dúas sesións cinematográficas na explanada situada fronte ao Chalé de Joselito. En cartel, dúas das longametraxes galegas máis recoñecidas e que máis trunfaron nas salas de cine nos últimos tempos.

Así, este venres, a partir das 22 horas, proxectarase a película “A esmorga”, adaptación da novela homónima de Eduardo Blanco Amor, dirixida no ano 2014 por Ignacio Vilar. Un drama para adultos, protagonizado, entre outros, por Antonio Durán Morris, Karra Elejalde e Miguel de Lira, que chega da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A seguinte cita será o sábado 27 de agosto, tamén ás 22 horas. E desta volta o público poderá desfrutar coa comedia “Cuñados”, de Toño López. Un filme do 2021, pensado para o público familiar, e cun reparto encabezado polo popular Xosé Antonio Touriñán, o tamén televisivo Federico Pérez e, de novo, Miguel de Lira.

As sesións de autocinema serán completamente de balde. A apertura de portas para os vehículos realizarase a partir das 21 horas, e non se permitirá acceder en autocaravanas ou furgonetas grandes.