O pavillón do Longoiro acolle este mércores a final do Torneo de fútbol sala Ociosol
A gran final disputarse a partir das 21 horas, con entrada libre
Valdoviño, 23 de agosto de 2022. O Torneo de fútbol sala Ociosol xa ten finalistas. Covial e Cámping Valdoviño serán os equipos que se disputen este mércores, 24 de agosto, a vitoria nesta cita clásica do verán en Valdoviño. O encontro, con entrada libre, xogarase no pavillón do Longoiro, en Meirás.
Será a partir das 21 horas cando arranque o partido, que decidirá cal dos equipos sube ao máis alto do podio. Na primeira semifinal, o Cámping Valdoviño goleou ao Nuevo Minuetto. Máis axustada foi a segunda, na que se medían o Bueno Gonnaba e o Covial. Este último fíxose co trunfo na rolda de penaltis.
Xusto unha hora antes da final, o pavillón de Meirás acollerá tamén o enfrontamento, que decidirá que equipo ocupa a terceira e a cuarta posición na clasificación xeral deste torneo, no que competiron unha ducia de equipos.