A Porta do Sol de Valdoviño acolle este domingo o tradicional feirón mensual

A cita está organizada pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra

Valdoviño, 24 de agosto do 2023.Como cada último domingo de mes, esta semana toca feirón en Valdoviño. A explanada situada fronte á Casa Joselito, na Porta do Sol, volverá converterse o 27 de agosto en escenario de encontro e máis de compras, grazas ao mercadillo organizado pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra.

A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello, disporá dende a primeira hora da maná de postos de venda dos máis diversos sectores, dende artesanía e moda, ata produto da horta. Un escaparate con ampla variedade para facer as últimas compras do verán.

O mercadillo de agosto vén a completar unha fin de semana chea de propostas deportivas e culturais en Valdoviño, converténdose como sempre nun elemento dinamizador máis da actividade da hostalería da zona.