Deportes programa sesións de baño en familia para despedir os cursiños de verán da piscina
A instalación municipal volveu ser clave na oferta deportiva municipal dos últimos meses
Valdoviño, 25 de agosto do 2023.A piscina de Lago finaliza o próxima xoves, 31 de agosto, a tempada de cursos estivai. E farao programando unha semana chea de actividades especiais, a modo de despedida, entre as que destacan dúas xornadas con sesións de baño en familia, pensadas para que nais e pais compartan cos seus fillos/as pequenos un tempo de xogo e diversión na auga.
Segundo apuntan dende o departamento de Deportes, esta proposta marcará o arranque e o fin da que será a semana de última semana de aprendizaxe. E así, luns e xoves (días 28 e 31), no tempo habitual de cada cursiño o alumnado e os seus familiares poderán desfrutar xuntos da instalación deportiva. Uns cambios que non afectarán ao resto de horarios. E así, polas tardes, entre as 16 e as 20 horas, manterase o tempo reservado para baño libre.
A instalación deportiva, que iniciaba a súa actividade o pasado 1 de xullo, volveu ser este verán peza fundamental da oferta deportiva municipal. A instalación contou cunha ampla oferta de actividades acuáticas no marco do programa Ociosol, que incluíu cursos de natación para todos os niveis -iniciación, intermedio e perfeccionamento-, así como clases específicas para bebés aquagym e nado libre, con ao redor de 190 alumnos e alumnas. Na xornada do mércores está prevista a habitual entrega de diplomas.