Valdoviño lembra á veciñanza a obriga de manter rozados terreos e parcelas para previr incendios
O alcalde dita un bando chamando á cidadanía a colaborar para evitar os lumes e evitar sancións
Valdoviño, 23 de agosto do 2023.Tras a declaración de seca prolongada e en plena alerta por altas temperaturas, o Concello de Valdoviño lembra aos veciños e as veciñas titulares de terreos e parcelas a necesidade de mantelos limpos e rozados para evitar que se produzan ou se expandan posibles lumes. O alcalde, Alberto González, acaba de ditar un bando no que solicita colaboración á cidadanía para garantir o cumprimento da Lei de prevención e defensa contra incendios.
O documento incide en que a normativa autonómica é clara respecto dos criterios para a xestión da biomasa forestal. E así, establece que os propietarios teñen a obrigatoriedade de manter limpas, rozadas e libres de restos de vexetación as súas fincas nunha faixa de 50 metros perimetral ao solo urbano, dos núcleos rurais e de vivendas illadas, ademais de manter unha distancia axeitada a pistas e outros equipamentos.
Subliña ademais o bando que esta esixencia, incluída a retirada de especies arbóreas, debe cumprirse antes de que remate ou mes de maio de cada ano. Con todo, a entidade local, a pesar das medidas adoptadas, constata que a normativa segue sen cumprirse plenamente en Valdoviño.
A preocupación municipal non só se cingue á citada franxa senón tamén á parcelas urbanas, con vexetación que invade os espazos públicos, vulnerando as condicións de seguridade, salubridade e ornato público que recolle a Ley del Suelo. Neste contexto, reclama González “polo ben de todo ou noso Concello, respectémonos e cumpramos a lei, manteñamos limpas as parcelas”. E o bando cun “evitemos incendios, evitemos sancións”.
Cómpre lembrar que no que vai de ano, hai 23 expedientes de denuncias por limpeza de fincas en fase de tramitación e outros 41 máis informados pola Policía. Apuntase por último que, tras os avisos pertinentes aos titulares infractores, varios expedientes remitíronse xa á Xunta de Galicia para a imposición de sanción e multa coercitiva.