A ilustradora Llanos Luaces Gudín inaugura en Valdoviño a súa exposición “Ilustrada e confinada”

O acto terá lugar este venres ás 19:00 horas na casa da cultura

 Valdoviño, 9 de novembro de 2023. A ilustradora Llanos Luaces Gudín inaugura este venres na casa da cultura a súa exposición «Ilustrada e confinada». O acto, aberto á veciñanza, dará comezo ás 19:00 horas. A artista, natural de Cerdido, realiza ilustración feminina captando a beleza e vida cotiás, misturando técnicas con rotuladores, lápices ou acrílicos. 

Asegura que a súa vocación artística venlle de nena, e lembra que tiña nos lápices de cores, folios e gomas os mellores xoguetes. Co paso do tempo, inicia a súa carreira profesional no sector da moda e o deseño gráfico, un ambiente de creatividade que avivou a súa faceta artística de novo. Hai 4 anos, deixaba aparcado -que non esquecido- este mundo, retomándoo no seu tempo libre. Deses momentos xorden as pezas que este venres presentará en Valdoviño. Unha expo que poderá visitarse ata o 1 de decembro de luns a venres de 11 a 14 h e de 16 a 20 h, e sábados e domingos de 12 a 18 h.