A Frouxeira converterase este venres en campo de adestramento para a selección xaponesa de fútbol-sala

De visita en Galicia, o equipo nipón, en fase de preparación do Mundial de Lituania, fará parada no municipio

A Frouxeira converterase este venres en campo de adestramento para a selección de Xapón de fútbol-sala. O equipo, de visita en Galicia e en fase de preparación do Mundial que disputará en Lituania a finais de setembro, fará parada en Valdoviño. Aquí será recibido na casa consistorial pola corporación para, a continuación, achegarse ao Océano Surf Museo e coñecer de preto unhas instalacións únicas en España. Xa a media mañá, xogadores e corpo técnico desprazaranse ata a praia da Frouxeira para realizar un pequeno adestramento. 

A visita enmárcase na xira pola Comunidade que realiza o equipo e que inclúe a súa estancia en Narón para disputar un encontro amistoso contra a selección arxentina, actual campiona do mundo. Precisamente, e grazas á colaboración entre os concellos de Narón e Valdoviño, este último convida a rapaces e rapazas a asistir ao adestramento da selección nipona que terá lugar este xoves de 10 a 12 horas no pavillón municipal da Gándara. Para iso, deben enviar un whatsapp co nome, apelidos e DNI do neno ou nena (e se é menor de 12 anos, do pai, nai ou titor/a legal) ao 626 465 531.