A capela do Porto, escenario único para o concerto de música clásica de The Duellists
As persoas interesadas en participar da nova proposta cultural do Concello poden retirar a súa invitación na Casa da Cultura
A programación cultural do Concello de Valdoviño trae a Valdoviño a «The Duellists» cun selecto repertorio de música clásica, bandas sonoras e música popular. O concerto celebrarase este domingo 1 de agosto a partires das 19,30 horas e nun escenario incomparable: a Capela do Porto, en Meirás.
As persoas interesadas en asistir poden retirar as súas invitacións na Casa da Cultura de 10 a 14 h ata o venres (ou ata completar aforo).
«The Duellist» está formado por Sara Ember, ao violín, e Samuel A. Antón, violonchelo e guitarra. Un dúo que comparte un obxectivo común: levar música a todos os recunchos de Galicia e, sobre todo, promover a música en directo.
Ofrecerán en Valdoviño un repertorio que inclúe obras de diferentes períodos da Música Clásica (Barroco, clasicismo, romanticismo…) e autores como Mozart, Bach, Haendel, Albinoni, así como outras pezas por todos coñecidas xa que forman parte das bandas sonoras das grandes obras do séptimo arte e máis outros temas da música moderna.