Cine nocturno en Sequeiro co filme de animación Nocturna, unha aventura máxica

O Concello de Valdoviño abre hoxe o prazo para retirar as invitacións para asistir ao pase do ciclo de cine de verán ao aire libre

O ciclo de cine de verán ao aire libre do Concello de Valdoviño chega á parroquia de Sequeiro. O parque da escola de música acollerá este sábado ás 22,30 horas a proxección do filme de animación «Nocturna, unha aventura máxica». Así, a partir de hoxe, as persoas interesadas en asistir xa poden retirar as súas invitacións na Casa da Cultura en horario de 10 a 14 h ou ata esgotar prazas. O ciclo conta co apoio da Deputación a través da Rede Cultural.

A cinta aborda a historia de Tim, un neno con medo á escuridade, pero amante das estrelas, ás que mira cada noite antes de ir a durmir. Emprende entón unha viaxe a Nocturna, un máxico lugar paralelo que xurde ao durmir, na búsqueda dos astros desaparecidos.