A Biblioteca Municipal recupera a partir de outubro os encontros do Foro Galego Literario que guiará de novo Antón Cortizas

As persoas interesadas en participar no programa poden formalizar a súa inscrición, gratuíta, de forma online, telefónica ou na casa da cultura

 Valdoviño, 20 de setembro do 2023. O Concello de Valdoviño retomará a partir de outubro os encontros bimensuais do Foro Galego Literario, e as persoas interesadas en tomar parte neles xa poden inscribirse presencialmente na casa da cultura ou a través do número 981 48 76 66 (ata o 22 e do 26 ao 29 de setembro de 10 a 14 h), ou online, por medio da sede electrónica (ata o 30 deste mes). Non hai cuotas e a participación no programa é gratuíta. O profesor e escritor Antón Cortizas encargarase de novo de guiar as sesións na Biblioteca Municipal, nas que volverán a participar tamén autores das obras que protagonicen os encontros, a celebrar cada 2 meses. 

O obxectivo é achegar a literatura galega ao público e intercambiar impresións sobre os libros que engrosen a lista de lectura proposta. Así mesmo, é intención do Concello estender o programa, como o pasado ano, á comunidade educativa, fomentando a participación do alumnado do CPI Atios con sesións específicas para eles e elas en horario lectivo e en colaboración co centro educativo.