Valdoviño convértese de novo nunha das sedes do Festival Internacional Entes Animados
O Concello programará este venres un dos espectáculos para o alumnado de Infantil e Primaria do CPI Atios, e o sábado, celebrará a segunda función, aberta ao público en xeral, no parque de Lago
Valdoviño, 19 de setembro do 2023. Valdoviño participa un ano máis no Festival Internacional Entes Animados. Un proxecto cultural en colaboración cos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Miño e Neda que nesta edición contará con cinco compañías procedentes de Italia, Portugal e Alemania. Celebrarase esta fin de semana, do 22 ao 24 de setembro, e este mediodía presentábase o cartel e programación da cita, cuns espectáculos que abranguen “desde o teatro de títeres de luva até a narrativa teatral máis engaiolante”. As compañías convidadas nesta nova edición son: Bambabambin (Italia), Fio d`Azite (Portugal), Historioscópio (Portugal), Luis Manitha (Portugal) e Marimbondo (Alemania/Portugal). En total ofrecerán 19 funcións, con entrada libre e de balde, nas que cada grupo amosará “a súa perspectiva única da arte teatral de títeres, achegando o público a un universo de emocións e reflexións”.
No tocante ao Concello de Valdoviño, o Festival Internacional de Entes Animados 2023 comezará o venres 22 de setembro, ás 12:00 horas na Casa da Cultura, cun espectáculo dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria do CPI Atios: «Antón, o rato do circo», da compañía Marimbondo. Misturando varias técnicas -actores, títeres, teatro de sombras, bolas de xabón xigantes-, este espectáculo conta a historia de Antón, o rato que salvou un circo, e descobre dun xeito lúdico e divertido, o proceso de construción do teatro.
O sábado 23, o festival trasladarase ao parque de Lago, coa función «No conto da Raposa», da compañía lusa Historioscopio, ás 17:00 horas -en caso de choiva, no local social-. Unha antoloxía de contos inspirados na tradición oral portuguesa, protagonizados pola astuta Raposa. A actuación combina narración de historias con teatro de marionetas ao estilo tradicional, celebrando a sabedoría da cultura popular en historias divertidas e actuais.
En palabras do director artístico do festival, Plamen Di, “O Festival Internacional ENTES ANIMADOS 2023” representa unha celebración da diversidade teatral titiriteira e a unión de diferentes culturas a través da arte”. “Estamos emocionados de ofrecer unha experiencia teatral única que inspirará, entreterá e conectará ás comunidades locais”.
O Festival Internacional ENTES ANIMADOS naceu co propósito de achegar o teatro de monicreques a comunidades locais en pequenos núcleos urbanos. Cada ano, o festival presenta compañías de teatro de renome internacional, ofrecendo actuacións de alta calidade e promovendo a diversidade teatral de títeres. Trátase dun evento que salienta polo seu compromiso coa cultura e as artes.
Toda a información sobre o festival, na páxina en Facebook do certame: https://www.facebook.com/fesivalinternacionalentesanimados.