A Biblioteca de Valdoviño amplía horarios

A partir de hoxe abrirá as súas portas de 10 a 14 e de 16 a 20 horas

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que a Biblioteca Municipal de Valdoviño ampliará a partir de hoxe os seus horarios. Tras as vacacións escolares de Nadal, abrirá as súas portas de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas de luns a venres, facilitando así a visita ás instalacións, que deberá realizarse con cita previa, chamando ao 981 48 76 66 ou enviando un correo electrónico a cultura@concellodevaldovino.com.

A Biblioteca Municipal de Valdoviño reabría as súas portas o 21 de decembro tras un longo proceso de reforma integral das instalacións. Valdoviño recuperaba así este espazo cultural que, a día de hoxe, conta cuns fondos que superan os 7.000 volumes. Conta tamén cunha ampla zona de estudo, pensada especialmente para o colectivo universitario, e espazo infantil. Neste último, o obxectivo é realizar as actividades de contacontos, teatro, monicreques, micro concertos… que programa habitualmente o Concello para os máis pequenos e pequenas da casa.

Así mesmo, dende o departamento municipal de Cultura lémbrase que o prazo para solicitar a condición de socio/a da Biblioteca permanece aberto, así como que a ficha a cubrir pode recollerse na biblio ou descargarse da web municipal.