O Concello pon en marcha ACHEGA, o programa de voluntariado para o apoio social e acompañamento a persoas

Servizos Sociais encargarase de identificar as necesidades e de vincular ás familias coas persoas voluntarias

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá da posta en marcha de ACHEGA, o programa municipal de voluntariado para o apoio social e acompañamento a persoas. Entre os seus obxectivos está proporcionar un apoio emocional a través da compaña e da conversa informal; reconectar ás persoas cun plano social e/ou lúdico; axudar na xestión administrativa, compras, actividades ou citas médicas, e apoiar a menores na xestión das tarefas escolares.

Guiado polo equipo de traballadoras do departamento municipal de Servizos Sociais, arranca con catro persoas voluntarias, que recibiron formación previa. De feito, o programa ten o seu xerme nun proxecto formativo que o Concello realizou en meses precedentes e na vontade das persoas participantes de activar este grupo de axuda.

Así, as actuacións coas que se abre o programa van ser de acompañamento social, visitando a persoas que non teñen rede familiar ou comunitaria ou están en situación de dependencia, e tamén de apoio a menores coa organización e xestión das tarefas escolares.

O departamento de Servizos Sociais será o encargado de identificar as necesidades e de vincular a estas familias coas persoas voluntarias.

As persoas interesadas en sumarse deben poñerse en contacto coa Concellería de Servizos Sociais ben no teléfono 981 48 70 41 extensión 5; no correo servizos.sociais@concellodevaldovino.com ben na planta baixa da consistorial (con cita previa).