Talía Teatro trae á Casa da Cultura de Valdoviño o seu espectáculo “Vida de Cans”

A función terá lugar o venres 15 de xaneiro e as invitacións poderán retirarse na Casa da Cultura do luns 11 ao xoves 14

O Concello de Valdoviño inaugura a programación cultural do mes de xaneiro co espectáculo “Vida de cans”. Unha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó e interpretada por Artur Trillo, Toño Casáis e Dani Trillo. A función terá lugar na Casa da Cultura o venres 15 de xaneiro ás 20,30 horas, e as invitacións para asistir poderán retirarse na propia Casa da Cultura dende o próximo luns, 11 de xaneiro, ata o xoves 14, en horario de 16 a 19 horas (ou ata esgotar entradas). Incluída na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña, a obra está dirixida a un público adulto.

Tres actores. Tres cans. Ou tres actores que fan de can. Sen deixar de ser actores. Sen deixar de ser cans. Están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo… pero recinto. Ben tratados, ben atendidos, ben alimentados, ben acariñados… pero recluídos. Fóra do recinto está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos… pero liberdade. Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade. Ou segundo a súa canalidade. E todo vai derivando cara unha traxedia… que nunca deixa de ser comedia. Comedia absurda. Comedia paródica. Comedia metafórica.