Cine nocturno ao aire libre en Valdoviño coa proxección de “Campeones”

O Concello de Valdoviño convida á veciñanza a unha sesión de cine nocturno ao aire libre este martes 23 de xullo. Será na praza da Casa da Cultura, onde se proxectará a comedia dramática «Campeones». O pase dará comezo ás 22,45 horas e conta co apoio da Deputación provincial a través da Rede Cultural.
 
Trátase dunha comedia dramática de 2018 dirixida por Javier Fesser. Aborda a historia de Marco, un adestrador de baloncesto que deberá facerse cargo dun novo equipo moi especial. «Campeones» estreouse o 6 de abril de 2018 e foi seleccionada para representar a España na 91a edición dos Premios Oscar na categoría de mellor película de fala non inglesa. No seu reparto conta co actor ferrolá Javier Gutiérrez.