CPI Atios, Concello, Fundación Ecomar e Volvo Cars únense para limpar de plásticos e residuos a praia da Frouxeira

CPI Atios, Concello de Valdoviño, Fundación Volvo Cars España e Fundación Ecomar uníanse esta mañá para levar a cabo unha gran recollida de residuos na praia da Frouxeira. Nela tomaron parte uns 90 nenos e nenas estudantes de 5o e 6o curso de Educación Primaria do cole valdoviñés, os seus profesores e profesoras e persoal de Volvo Cars e Ecomar, así como o propio alcalde, Alberto González, e os concelleiros de Deportes, Sergio Saavedra; Cultura, Jessica Sabín, e Turismo, Rosana García.
 
A xornada arrancaba sobre as 10,30 horas, cun obradoiro de reciclaxe a pé da Frouxeira no que se lembraba os tipos de residuos e a cor do colector a utilizar, ao tempo que se incidía na importancia que ten protexer o litoral do lixo que chega do mar, a causa da acción do home na terra, tal que latas, plásticos, colillas e vidros. Un obradoiro que tiña a unha mestra de luxo, Theresa Zabell, doble campiona olímpica de vela e presidenta da Fundación Ecomar, unha entidade pioneira na limpeza de costas durante máis de dúas décadas.
 
A partir de aí, nenos/as e maiores recibían todo o material preciso para iniciar as tarefas, que realizaron con todo o empeño e entrega, atopándose elementos que crían inconcebibles atopar nun espazo coma este.