Últimos días para apuntarse ós cursos de vela para mozos e mozas no encoro das Forcadas

O Concello de Valdoviño acollerá do 6 ó 10 de agosto os cursos da campaña de vela 2018 da Deputación da Coruña. Neles poden participar rapaces e rapazas entre os 9 e os 18 anos, ambas idades incluídas. Deste xeito, a rapazada interesada nos cursos, que terán lugar no encoro das Forcadas, debe formalizar a inscrición no Concello. Deberá entregar a correspondente ficha, dispoñible tanto na web da Deputación da Coruña (www.dacoruna.gal/deportes) como do Concello (www.concellodevaldovino.com) ou presencialmente na Oficina de Turismo, debidamente cuberta e asinada polos pais ou titores dos solicitantes. Ademais, terá que entregar unha foto de carnet, fotocopia do DNI e volante de empadronamento.
 
O prazo remata o 24 de xullo e a cota de inscrición será de 25 euros. Nos cursos, que terán unha duración dunha semana a elixir entre a quenda de mañá (de 10 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas), realizarase unha iniciación ós principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela, así como un curso básico da elaboración de nós mariños. A incorporación e regreso ás instalacións náuticas onde se desenvolverán os cursos correrá por conta dos participantes.