Xunta e Concello supervisan as obras de renovación de luminarias por LEDs na AC-566 entre a rotonda de Robles e Sequeiro
A intervención requeriu dun investimento de 33.000 euros que se financiou con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, xunto ao alcalde de Valdoviño, Alberto González, e de concelleiros e concelleiras da corporación municipal realizaron unha visita de supervisión ás obras de renovación das luminarias por LEDs na AC-566 entre a rotonda de Robles e Sequeiro. Unha intervención na que se investiron máis de 33.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza Turismo.
Estas axudas, segundo lembrou o delegado territorial, “son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.
Pola súa banda, o alcalde explicou que nos últimos catro anos o Concello puido afrontar toda unha serie de actuacións en materia de eficiencia enerxética grazas a esta liña de axudas, tal que a renovación de 21 luminarias na AC-566 na zona limítrofe co Val (en 2018); 20 luminarias na estrada entre a rotonda de Robles e Lanzós (2018); a instalación de 8 proxectores na pista deportiva de Pantín (2019); 27 luminarias en Mourente (2019) e outras 46 luminarias na estrada de Lanzós a San Bartolo.