Reunión do alcalde coa deputada García Echevarría para abordar temas de interese municipal e competencia estatal
O rexidor puxo sobre a mesa a implicación de Costas na ampliación da rede de sendas xa en marcha pola zona litoral de Valdoviño, a creación de aparcadoiros disuasorios nas inmediacións dos areais, ou a posta en valor da contorna do faro de Punta Frouxeira por parte de Defensa
A deputada nacional Montserrat García Echevarría realizou onte unha visita ao Concello de Valdoviño para reunirse co seu alcalde, Alberto González, e os concelleiros de Urbanismo, Obras, Servizos, Deportes e Cultura, Alejandro García, Germán Gómez, Benito Vega, Sergio Saavedra e Rosana García, respectivamente. Na mesma, o alcalde puxo sobre a mesa diversos temas de interese municipal e competencia estatal que a deputada se comprometeu a dar traslado aos diferentes ministerios, xestionando ao mesmo tempo reunións de traballo para recabar a súa colaboración ben axilizando a tramitación ben con fondos económicos.
Así, Alberto González planteou á deputada a necesidade de implicar á Dirección General de Costas na ampliación xa en marcha da rede de sendas pola zona litoral de Valdoviño, de modo que se lograse completar o itinerario dende O Puntal en Vilarrube ata Campelo en Meirás. Outro dos asuntos de importancia con participación directa deste departamento é a autorización para habilitar aparcadoiros disuasorios nas inmediacións dos areais, especialmente Vilarrube e Campelo. Ademais, o alcalde trasladoulle o interese do Concello por lograr a colaboración do Ministerio de Defensa na posta en valor da contorna do Faro de Punta Frouxeira e, sen saír deste departamento, culminar a cesión de espazos ao Concello para facilitar tarefas rutinarias de mantenemento e conservación e outras máis específicas como intervencións sobre o entorno.
Ademais, Alberto González solicitoulle a García Echevarría a súa mediación ante a SEPES para que leve a cabo actuacións de limpeza e recuperación na contorna das Boeiras, por onde discorre un treito do Camiño a San Andrés.