O Concello de Valdoviño ampliará este ano ata os 25.000 euros a colaboración coa Agrupación de Protección Civil

O alcalde, Alberto González, avanza que se aumentará a partida de 10.000 euros anuais recollida no convenio suscrito esta semana para colaborar cos gastos extraordinarios derivados dos dispositivos pola covid-19

O alcalde, Alberto González, e o responsable da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil, Francisco Dopico, asinaron esta semana o convenio mediante o cal o Concello de Valdoviño colabora coa actividade da agrupación cunha achega de 10.000 euros. Unha partida coa que cada ano a Administración local contribúe a financiar os gastos de seguros, coberturas médicas, mantenemento de equipos e instalacións… Pero este ano, o alcalde avanzou que o Concello ampliará esa axuda municipal ata os 25.000 euros para colaborar nos gastos extraordinarios que afrontou Protección Civil como consecuencia dos dispositivos e servizos realizados durante o estado de alarma e tamén na nova normalidade.

Unha labor importante e fundamental, imprescindible, que abarcou dende a  entrega de alimentos e menciñas ata traslados de material de protección elaborado polos Makers Valdoviño, repartos continuos de mascarillas, comunicación casa a casa dos servizos ao alcance da poboación maior en todo o termo municipal, ou regulación das entradas e saídas ao CPI Atios a primeiros de curso, entre outros.

Unha labor que o alcalde agradeceu e quixo poñer en valor en nome dos veciños e veciñas de Valdoviño.