Valdoviño celebra esta fin de semana a XXV Baixada de Carrilanas a San Mamede coa vista posta en albergar o Campionato de Europa

O municipio galego soa con forza para acoller esta cita internacional, que se celebraría por primeira vez en territorio español

Valdoviño, 9 de agosto do 2023. Valdoviño celebrará esta fin de semana a súa tradicional Baixada de Carrilanas a San Mamede. Unha das citas máis importantes do calendario nacional, puntuable para a Copa de España e a Copa de Europa, e este mediodía, o director de carreira, Diego Barcia, xunto á delegada da Federación de Deportes de Inercia, Lara Bouza, e do vixente campión de España Christian Marugán, presentaban o programa nun acto celebrado na Casa da Cultura coa asistencia do concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, e do alcalde da localidade, Alberto González.

Na súa intervención, o concelleiro Sergio Saavedra valoraba o bo facer da organización e comprometía todo o apoio do Concello de Valdoviño a esta cita cultural, deportiva e turística. Pola súa banda, o director de carreira correspondía o agradecemento por ese apoio e situaba a seguridade como o obxectivo número un. Aseguraba que o risco cero non existe, pero que realizan todos os esforzos para achegarse a el, e poñía en valor o amplo dispositivo desplegado, no que participan unhas 40 persoas, agradecendo a colaboración das forzas e corpos de seguridade, así como dos membros de Protección Civil da comarca. Así mesmo, apuntaba que o programa seguirá un guion moi similar ao doutras edicións, ampliando, iso si, as actividades para o público máis novo. Ademais da baixada infantil, incorporan este ano festa de karaoke, da espuma e outros talleres como o de maquillaxe. O obxectivo é alentar a participación dos máis pequenos e pequenas, crear afición e así asegurar a continuidade da Baixada. Participarán na mesma 55 carrilanas, unha cifra lixeiramente superior á ideal para Diego Barcia, coa que se garante que o público manteña a tensión e interese, e disfrute da cita. Este ano, engadiu, e en contra da tendencia dos últimos exercicios, aumentou a participación de pilotos da comarca -ata chegar a 30 do total-, e abunda o concurso de pilotos doutros puntos de España como Asturias, Cantabria ou Castela e León.

Así mesmo, Lara Bouza e Christian Marugán, recén chegados do Campionato de Europa celebrado en Italia, avanzaban que Valdoviño é a día de hoxe un dos principais aspirantes a acoller o Campionato de Europa en 2026, unha decisión que se coñecerá no mes de novembro. De facerse realidade, España tomaría o relevo de Bélxica -sede prevista en 2025- e Valdoviño sería a primeira localidade española sede da carreira, coa proxección internacional que isto conleva.

Finalmente, Alberto González subliñaba a doble vertente da baixada, cultural e deportiva, e a súa incidencia no turismo e economía local. Un evento que confía obteña este mesmo ano a declaración de Feste de Interese Turístico de Galicia por parte da Xunta, tal e como solicita o Concello, e que suporía o paso previo para traballar a prol do seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico Nacional. Na súa intervención, tamén agradeceu e puxo en valor o compromiso persoal de todos e cada un dos integrantes da Asociación organizadora, que fai posible dende hai 25 anos a celebración da Baixada, e rematou convidando á cidadanía a seguir as carreiras.

PROGRAMA

Contará de novo cun percorrido espectacular, no que os pilotos poderán lucirse e amosar a súa habilidade ao longo de 1.207 metros, con saída no Graño e meta en San Mamede. Haberá 3 premios para as carrilanas máis humorísticas, e trofeos para os 3 primeiros clasificados, ademais do premio ao mellor salto.

A cita arrancará o venres 11 de agosto ás 12:00 horas, coa apertura da zona de acampada gratuita. Ás 19 h, na contorna da igrexa de San Mamede, celebrarase a festa de benvida, e no seu transcurso, presentarase o equipo integrado polos nosos veciños Ángel López e Aida Bouza, esta última vencellada dende que naceu á Baixada, e que competirán no próximo Rally de Ferrol.

O sábado 12, de 14:00 a 16:00 horas terán lugar as verificacións técnicas e administrativas, co remonte de participantes á liña de saída sobre ás 16:00 h. Media hora despois, comezarán os adestramentos oficiais, e ás 18:00 horas, producirase a saída da 1ª Baixada Oficial. O programa do día pecharase co karaoke e actividades infantís dende as 18 :00 h, a tradicional cea carrilaneira ás 20:00 h, e o mítico festival de karaoke ás 22:00 h.

O domingo 13 celebrarase ás 12:00 h a Baixada Infantil (nenos/as de 6 a 13 anos) e Correpasillos (de 1 a 5 anos), e unha hora máis tarde, arrancará a sesión vermú previa á paellada de marisco, con prezos populares. Ás 15:30 h iniciarase o remonte dos participantes á liña de saída, e ás 16:30 h, terá lugar a saída da 2ª Baixada Oficial, e ás 18:00 h, a 3ª. Sobre as 20:00 h, disputarase o Concurso de Saltos, para ás 21:00 h, celebrar o acto de entrega de trofeos.