Os cursos e actividades organizados polo Concello na piscina municipal arrancan con máis de 160 persoas inscritas

Celebraranse ao longo dos meses de xullo e agosto, e a oferta de OcioSol inclúe natación, aquagym e nado libre

Valdoviño, 1 de xullo de 2022. Co inicio do mes, a piscina municipal de Lago reabre as súas portas e arranca a programación de cursos e actividades. Organizada polo Concello de Valdoviño, a oferta de OcioSol inclúe cursiños de natación para todos os niveis -iniciación, intermedio e perfeccionamento-, así como clases específicas para bebés e para persoas adultas, aquagym e nado libre. No seu conxunto, o Concello rexistrou algo máis de 160 inscricións, unha cifra realmente positiva. 

Así mesmo, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, que esta mañá se achegaba ás instalacións municipais para supervisar o inicio do curso, lembraba tamén que, a partir de hoxe, as tardes na piscina están reservadas para o baño libre, de luns a venres de 16 a 20 horas, e sábados, domingos e festivos de 12 a 20 horas.

Os prezos mantéñense respecto a anos precedentes: 2,5 euros para persoas adultas e 1,5 para menores. Ademais, ofrécese a posibilidade de expedir o bono familiar, a un custe de 20 euros para 15 baños (un baño dá acceso a todos os integrantes da unidade familiar, pais/nais e fillos/as). Estes bonos e entradas deben tramitarse na propia piscina e achegarse o Libro de Familia (no primeiro caso).