O VIII Xtreme Pantín celebrarase os días 16 e 17

Incluirá o Open Internacional de Kaiaksurf e Waveski, con participación de deportistas chegados de Portugal, Arxentina ou Francia

Valdoviño, 7 de outubro de 2021. A VIII edición do Xtreme Pantín xa ten datas. Celebrarase na praia que lle dá nome a fin de semana do 16 e 17 de outubro. Coa previsión de boas olas, o público poderá desfrutar da competición de 9 a 18 horas na primeira xornada e de 9 a 14 horas a segunda. Así mesmo, poderá seguirse a través da páxina web municipal, grazas a retransmisión en streaming dende o areal. 

Organizado polo Club Náutico Folixa, coa colaboración do Concello de Valdoviño e a Federación Galega de Piragüismo, acollerá o Open Internacional de Kaiaksurf e Waveski, competición que tamén será clasificatoria para o Campionato Galego. A inscrición está aberta a través do correo do clube organizador (nauticofolixa@gmail.com) e pecharase a mediados da próxima semana. Aínda así, a cita xa conta con deportistas confirmados de Galicia, doutras comunidades como Euskadi e doutros países como Portugal, Arxentina e Francia. Entre eles, o vixente campión do mundo de waveski, Odei Etxeberría, e un dos grandes favoritos.